Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Xeografía. Estrutura da poboación
Definicións e conceptos teóricos


Introdución

Existen varios criterios para estudar a estrutura dunha poboación. Algúns dos aspectos normalmente considerados son o xénero e a idade. Outros factores son socioeconómicos: actividade profesional, nivel de instrución, ...

Composición segundo o xénero

A relación entre o número de homes e mulleres que compoñen a poboación exprésase a través da taxa de masculinidade ou sex ratio, que se obtén multiplicando o número total de homes por 100 e dividíndoo polo número de mulleres. Canto máis se afaste o índice de 100, maior será o desequilibrio entre xénero.

Taxa de masculinidade= Nº de varóns x 100/ Nº de mulleres

En Galicia, ao igual que no resto do mundo, nacen máis homes que mulleres (uns 108 homes por cada 100 mulleres); sen embargo, ao ter as mulleres unha esperanza de vida superior á dos homes, ao final da vida, a proporción queda equilibrada ou incluso sobreviven máis mulleres.

Vexamos o que ocorre en Galicia:

Poboación segundo xénero

A táboa anterior mostra o número de homes e mulleres en Galicia nos últimos anos. Calculamos a continuación a taxa de masculinidade:

Fonte: INE. Padrón municipal de habitantes

En Galicia no ano 2020 hai un total de homes e mulleres. Sen embargo nacen máis homes que mulleres. Pincha na seguinte ligazón para comprobalo: Nacementos segundo sexo

Todo isto vén condicionado pola esperanza de vida que poderás observar no seguinte gráfico e na seguinte ligazón: Esperanza de vida por xénero en Galicia

INE. Padrón municipal de habitantes. IGE, INE. Movemento natural da poboación


Composición segundo a idade

Un dos indicadores máis empregados para medir a composición da poboación por idades é o índice de envellecemento, que se obtén multiplicando o número de persoas de 65 e máis anos por 100 e dividíndoo pola poboación menor de 20 anos. Cando o índice supera o 100%, considérase que a poboación está envellecida.

Índice de envellecemento= Poboación de 65 e máis anos x 100/ Poboación menor de 20 anos

Observa o índice de envellecemento de Galicia nos últimos anos nas seguintes ligazóns: 1975-1997, desde 1998

Galicia ao igual que España está cada vez máis envellecida. Así, actualmente o seu índice de envellecemento está no %.

Galicia e España teñen unha estrutura por idades envellecida:
  • Os novos (0-19 anos) reducen cada vez máis a súa porcentaxe, debido ao descenso das taxas de natalidade (1975-1997, desde 1998). En 2020 eran o % atopándose a maior proporción nas zonas costeiras tal e como se pode observar no seguinte mapa:

    Porcentaxe de poboación menor de 20 anos por concellos. Ano 2020

    Fonte: IGE. Indicadores demográficos

    Nota: se queres ver o mapa da proporción de xente nova para outros anos pincha na seguinte ligazón para ver os datos e vai ao apartado de Representacións gráficas para ver cómo facer o cartograma.

  • Os adultos (20-64 anos) aumentaron. En 2020 supoñen o % e a súa porcentaxe varía pouco entre zonas xeográficas.

  • Os anciáns (65 e máis anos) tamén aumentaron. O índice de envellecemento no ano 2020 é de % e de 37,9% no ano 1975, co cal o envellecemento da poboación é incuestionable. Atópase maior proporción de anciáns nas zonas interiores de Ourense e Lugo, tal e como se pode observar no mapa que se presenta a continuación:

    Índice de envellecemento por concellos. Ano 2020

    Fonte: IGE. Indicadores demográficos

    Nota: se queres ver o mapa do índice de envellecemento para outros anos pincha na seguinte ligazón para ver os datos e vai ao apartado de Representacións gráficas para ver cómo facer o cartograma

Na seguinte táboa preséntanse para Galicia as porcentaxes de poboación segundo grupos de idade para os últimos anos:

Fonte: IGE. Indicadores demográficos

Pódese observar como cada vez a porcentaxe de poboación nova diminúe máis, aumenta a poboación adulta e aumenta moitísimo a porcentaxe de poboación anciá.

Como acabamos de ver en Galicia hai máis mulleres que homes, pero ¿isto é verdade para todas as idades?

Na seguinte táboa podes ver a poboación residente en Galicia o día 1 de xaneiro de 2020 segundo sexo e grupos de idade:

Fonte: INE. Padrón municipal de habitantes

A continuación podes ver a pirámide de poboación para Galicia no ano 2020. Para a súa interpretación consulta a actividade das pirámides de poboación:

Fonte: INE. Padrón municipal de habitantes

Exemplo

Calcula as porcentaxes anteriores para o teu concello empregando os datos que poderás obter mendiante o seguinte formulario:

Concello:
  • Elabora a pirámide de poboación para o teu concello.
  • Compara a pirámide do teu concello coa galega.

Estrutura económica da poboación

Para estudar a estrutura económica da poboación hai que considerar dous factores: por un lado é necesario distinguir a porcentaxe de poboación en relación coa súa actividade e , por outro, os distintos sectores nos que se desenvolve esa actividade (os sectores económicos).

Poboación en relación coa actividade

Sempre que se fala da clasificación da poboación en relación coa actividade económica faise referencia á poboación de 16 ou máis anos, xa que é a idade legal mínima para incorporarse ao mercado laboral en España. Tendo isto en conta, a poboación de 16 e máis anos pode clasificarse, atendendo a súa relación coa actividade económica, en:

Poboación activa

É o conxunto de persoas de 16 ou máis anos que subministran man de obra para a produción de bens e servizos económicos ou que están dispoñibles e fan xestións para incorporarse á produción. É dicir, a poboación activa está composta polos ocupados e polos parados.

Poboación ocupada

Son as persoas de 16 ou máis anos que teñen un traballo por conta allea, é dicir que traballan para outra persoa ou empresa (asalariados), ou exercen unha actividade por conta propia (autónomos).

Poboación parada

Segundo a Organización Internacional do Traballo (OIT) defínese a poboación parada como todas aquelas persoas de 16 ou máis anos que están sen traballo, dispoñibles para traballar e buscando activamente emprego.

Poboación inactiva

Comprende todas aquelas persoas de 16 ou máis anos non clasificadas como ocupadas ou como paradas. Distínguense as seguintes categorías:
  • Persoas que se ocupan do seu fogar.
  • Estudantes.
  • Xubilados ou retirados.
  • Persoas que reciben unha pensión distinta da xubilación e prexubilación.
  • Persoas que realizan sen remuneración traballos sociais, actividades de tipo benéfico, etc.
  • Incapacitados para traballar.

Poboación contada aparte

Ata decembro de 2001, os homes que cumprían o servizo militar (ou o servizo civil obrigatorio) clasificábanse como poboación contada aparte, isto é, non se incluían entre os activos nin entre os inactivos. Dende o 1 de xaneiro de 2002 suprímese o servizo militar obrigatorio, polo que tamén desaparece esta categoría.

Exemplo: Pinchando no seguinte enlace podes consultar os datos correspondentes aos 10 últimos anos da poboación galega de 16 ou máis anos en relación coa actividade económica, é dicir, os activos (ocupados e parados) e os inactivos.

Para medir o grao de actividade socioprofesional dunha poboación emprégase a taxa de actividade:

Taxa de actividade

Calcúlase como o cociente do número de activos entre a poboación total de 16 ou máis anos, multiplicado por cen. Esta taxa indica que a porcentaxe da poboación total de 16 ou máis anos está en condicións de traballar.

Exemplo: segundo a Enquisa de poboación activa (EPA) a poboación total de 16 ou máis anos en Galicia, no ano 2020, era de 2.339,0 mil persoas, mentres que a poboación activa situábase nas 1.220,9 mil persoas. Entón, para o ano 2020, a taxa de actividade calcúlase como: taxa de actividade = (activos/poboación total de 16 ou máis anos)*100 = (1.220,9/2.339,0)*100 = 52,2%.

A taxa de actividade depende do grao de desenvolvemento económico, da duración da escolarización, da idade de xubilación,... Galicia tiña no ano 2020 unha taxa de actividade do 52,2%. Esta taxa correspóndelle aos países desenvolvidos, mentres que os países do Terceiro Mundo teñen unha taxa que oscila entre o 25 e o 40%.

Os trazos básicos da evolución recente da taxa de actividade galega, así como a española, son o atraso da incorporación dos novos ao mercado laboral, a anticipación da idade de xubilación ou a incorporación progresiva da muller ao mundo laboral.

A taxa de actividade presenta variacións en función do xénero, da idade e do territorio:

  • En función do xénero: tal e como se pode observar no enlace anterior a taxa de actividade masculina nos últimos anos permaneceu practicamente sen variacións, mentres que a taxa de actividade femenina aumentou, motivada pola progresiva incorporación da muller ao mercado de traballo.
  • En función da idade: tal e como se pode observar no enlace anterior as maiores taxas de actividade danse no grupo de idade entre os 25 e os 54 anos.
  • En función do territorio as maiores taxas de actividade danse nas provincias de Coruña e Pontevedra, provincias de maior dinamismo económico.

Taxa de ocupación

Obtense como o cociente do número de ocupados entre a poboación total de 16 ou máis anos, multiplicado por cen. Esta taxa proporciona a porcentaxe de poboación que está traballando sobre a poboación total en idade laboral.

Exemplo: no ano 2020 en Galicia había 1074,2 mil ocupados segundo a EPA. ¿En canto se situou a taxa de ocupación para este ano? Tendo en conta que a poboación total en idade laboral era de 2.339,0 mil persoas (ver exemplo anterior) a taxa de ocupación ven dada por: taxa de ocupación = (ocupados/poboación total de 16 ou máis anos)*100 = (1074,2/2.339,0)*100 = 45,9%. É dicir, de cada 100 persoas en idade laboral aproximadamente 46 estaban traballando.

O paro ou desemprego é un dos problemas sociais máis graves do noso tempo. Atopar un emprego pode ser difícil ante os constantes cambios tecnolóxicos e a evolución das actividades económicas. Para medir este problema emprégase a Taxa de paro.

Taxa de paro

A taxa de paro calcúlase como o cociente entre a poboación parada e a poboación activa, multiplicado por cen. Obsérvese que neste caso para calcular a taxa de paro divídese entre a poboación activa, non entre a poboación total de 16 ou máis anos, tal e como pasaba coas taxas anteriores. A taxa de paro indica o número de parados que hai por cada cen persoas que están en condicións de traballar (traballando ou paradas).

Exemplo: continuando cos exemplos anteriores e tendo en conta que o número de parados en Galicia, no ano 2020, era 146,7 mil, a taxa de paro calcularíase do seguinte xeito: taxa de paro = (poboación parada/poboación activa)*100 = (146,7/1.220,9)*100 = 12,0%. É dicir, no ano 2020, de cada 100 persoas que estaban en condicións de traballar, 12 non tiñan un emprego.

Na seguinte ligazón pódese ver unha evolución da taxa de paro nos últimos anos en Galicia: Taxas de paro por sexo

Exemplo

Cos datos que encontrarás na seguinte ligazón, calcula as taxas de actividade, ocupación e paro para as provincias galegas:

Poboación en relación coa actividade

Compara a túa provincia con Galicia.

Os sectores de actividade económica

A poboación ocupada pódese clasificar, en función da actividade que se realiza no seu centro de traballo, nos seguintes sectores económicos:
  • Agricultura e pesca. Esta categoría abarca as actividades agrarias, gandeiras, de explotación forestal e pesqueiras.
  • Industria. Inclúe a industria mineira, a industria manufactureira (industria da alimentación, téxtil, da madeira, química, metalurxia, ...) e a produción e distribución de enerxía eléctrica, gas e auga.
  • Construción
  • Servizos. Esta categoría agrupa o comercio, a hostalería, o transporte, a educación, as actividades sanitarias, a administración pública, etc.

Exemplo: neste exemplo estudarase como cambiou a distribución da poboación galega ocupada nos distintos sectores de actividade no periodo de 36 anos que vai dende o 1980 ata o ano 2020:

Poboación ocupada en Galicia (miles de persoas)
Total Agricultura
e pesca
Industria Construción Servizos
1980 1.115,1 463,8 193,4 114,9 343,1
2020 1.074,2 69,1 182,4 75,1 747,7

Fonte: IGE-INE. Encuesta de población activa

A partir destes datos pódese calcular a distribución porcentual dos ocupados nos distintos sectores de actividade:

Distribución da poboación ocupada galega (%)
Agricultura
e pesca
Industria Construción Servizos
1980 41,6% 17,3% 10,3% 30,8%
2020 6,4% 17,0% 7,0% 69,6%

Fonte: IGE-INE. Encuesta de población activa

Por exemplo, no ano 2020 a porcentaxe de poboación ocupada na construción calcúlase do seguinte xeito: (poboación ocupada na construción / total de poboación ocupada)*100 = (75,1/1.074,2)*100 = 7,0%. É dicir, no ano 2020 de cada 100 persoas ocupadas 7 traballaban na construción.

No gráfico anterior pódese observar como se produciu un importante cambio na distribución da poboación ocupada por sectores económicos. Os cambios máis salientables son os que se deron na agricultura e pesca e no sector servizos. Así, mentres que no ano 1980 o 41,6% dos ocupados traballaban no sector "primario", no ano 2020 só o facía o 6,4% dos ocupados. No sector servizos deuse o cambio inverso, e pasou de empregar o 30,8% dos traballadores en 1980 ao 69,6% en 2020.

Exemplo

Cos datos das seguintes ligazóns:

Poboación ocupada por sectores económicos: [Ata o ano 2008] [Dende o ano 2009]

Calcula:

  • A distribución por sectores económicos da túa provincia no primeiro ano dispoñible e no último ano: compara os resultados.
  • Compara os resultados cos obtidos para Galicia.