Resumo de resultados


Enquisa de poboación activa. Módulo sobre accidentes laborais e problemas de saúde relacionados co traballo. Ano 2013. Resumo de resultados

Resumo de resultados 01/12/2014
Datos correspondentes ao ano 2013

Introdución

A Enquisa de poboación activa (EPA) é unha investigación por mostraxe, continua e dirixida ás vivendas familiares que o Instituto Nacional de Estadística (INE) realiza desde 1964. En xullo de 2008 firmouse un convenio de colaboración entre o INE e o Instituto Galego de Estatística (IGE) para a duplicación da mostra no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

A finalidade principal da EPA é coñecer a actividade económica no relativo ao seu compoñente humano. Está orientada a dar datos das principais categorías poboacionais en relación co mercado de traballo (ocupados, parados, activos e inactivos) e a obter clasificacións destas categorías segundo diversas características. Tamén posibilita confeccionar series temporais homoxéneas de resultados.

Cada ano realízase un módulo específico no que se trata algún tema relacionado co mercado laboral e que completa a información da EPA. O módulo de 2013 ten como obxectivo obter información sobre o número e tipo de accidentes que se producen no traballo e o seu impacto laboral, os problemas de saúde provocados ou empeorados polo traballo, os factores de risco e as características laborais das persoas afectadas.

Accidentes

No ano 2013, o 3,4% dos galegos ocupados ou que traballaron no último ano tivo algún accidente no transcurso da súa xornada laboral ou no traxecto de ida e volta. En termos absolutos, estase a falar de 40.200 persoas.

Ao restrinxirse unicamente ás persoas que sufriron un accidente con lesión durante a xornada laboral ou nos traxectos, a cifra redúcese a 31.100 persoas. Destas 31.100 persoas, arredor de 25.300 sufriron o accidente con lesión durante a xornada laboral.

Hai que destacar que o 6,3% dos accidentes con lesión ocorridos durante a xornada laboral foron accidentes de tráfico.

O 17% dos traballadores que tiveron algún accidente con lesión durante a xornada laboral non estivo ningún dia sen traballar, o 14,6% estivo polo menos un día sen traballar pero menos dunha semana, e o 15,4% entre unha semana e un mes.

O momento da incorporación tardou polo menos un mes pero menos de tres para o 23,7% dos ocupados e, finalmente, o 12,3% dos que sufriu algún accidente non espera volver a traballar ou a baixa tivo unha duración de entre 3 meses e un ano.

Persoas ocupadas ou que traballaron no último ano que tiveron algún accidente con lesión durante a xornada laboral, segundo o tempo que estiveron sen traballar. Galicia. Ano 2013
Miles de persoas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Enfermidades

O 18,2% dos galegos de 16 ou máis anos que en 2013 estaban ocupados ou que traballaron anteriormente tivo algunha enfermidade nos últimos doce meses. Esta porcentaxe medra conforme aumenta a idade da poboación estudada. Así, entre os mozos menores de 24 anos, só o 5,2% tivo algunha enfermidade no transcurso dos últimos 12 meses, mentres que para as persoas de 55 ou máis anos, esta porcentaxe supera lixeiramente o 27%.

Do total de persoas que sufriu algunha enfermidade no último ano, 90.100 manifestaron que a enfermidade foi provocada ou que empeorou por mor do traballo.

Persoas ocupadas ou que traballaron anteriormente, segundo se tiveron ou non algunha enfermidade, por grupos de idade. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

Persoas ocupadas ou que traballaron anteriormente que tiveron algunha enfermidade, segundo se foi ou non provocada ou empeorada polo traballo. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Entre as tipoloxías de enfermidade laboral (aquela provocada ou empeorada por mor do seu traballo actual ou pasado) destacan os problemas óseos, das articulacións ou musculares (71,3% dos casos). O 9,2% das enfermidades laborais estaban relacionadas co estrés, depresión ou ansiedade.

O 48,2% dos galegos ocupados ou que traballaron anteriormente e que tiveron algunha enfermidade laboral di que a enfermidade lle limita considerablemente as súas actividades cotiás.

Persoas ocupadas ou que traballaron anteriormente que tiveron algunha enfermidade laboral, por tipo de enfermidade e sexo. Galicia. Ano 2013
Miles de persoas

Persoas ocupadas ou que traballaron anteriormente que tiveron algunha enfermidade laboral, segundo se esta enfermidade limita ou non as súas actividades cotiás. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Ocupados de 16 e máis anos que manifestan estar expostos a varios factores adversos para a súa saúde física, segundo o factor con maior efecto negativo. Galicia. Ano 2013
Miles de persoas e porcentaxes

En 2013, un total de 411.900 ocupados galegos manifestou que estiveron expostos a factores adversos para a súa saúde física. Para o 26%, o factor con maior efecto negativo foi o manexo de cargas pesadas. A continuación, o 24,8% dos traballadores sinala o risco de accidentes como o factor con maior efecto negativo para a súa saúde física.

Por outra banda, 30.800 ocupados sinalan que estiveron expostos a factores adversos para o seu benestar mental: o 38% considera á violencia (ou ameaza de violencia) como o factor negativo máis importante, o 36,7% as presións de tempo ou sobrecarga de traballo e o 25,3% o acoso ou intimidación.

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Definicións e máis información

Definicións

Acceso ás táboas de datos:

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo