Panorama dos sete grandes concellos. Poboación

Estrutura da poboación

A poboación de Galicia no ano 2016 acadou a cifra de 2.718.525 persoas. Destas, o 36,3% reside nunha das sete grandes cidades de Galicia. Vigo é a que conta con maior poboación (con 292.817 persoas), seguida a pouca distancia da Coruña (con preto de 244 mil persoas), Ourense e Lugo. Pecha a lista dos sete grandes a cidade de Ferrol, co 2,5% da poboación de Galicia.

O xénero feminino supera ao masculino en número de efectivos: o 51,8% da poboación galega son mulleres. No referido á estrutura por idades, o 11,9% dos habitantes de Galicia ten menos de 15 anos, o 63,8% está comprendido entre os 15 e os 64 anos, e o 24,3% xa cumpriu os 65 anos de idade. As sete cidades galegas, a excepción de Ferrol, presentan unha estrutura por idades menos envellecida que a galega (teñen porcentaxes de poboación menor de 15 anos superiores á media galega, e porcentaxes de poboación maior de 64 anos inferiores á media galega -agás Ourense que, neste indicador, supera lixeiramente a cifra galega). En Ferrol, pola contra, a porcentaxe de poboación menor de 15 anos sitúase por debaixo da media galega e a de poboación maior de 64 anos, pola contra, por riba (o 26,8% das persoas empadronadas neste concello supera esa idade).

Poboación segundo o sexo. Ano 2016
Persoas

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Estrutura da poboación segundo o grupo de idade. Ano 2016
Porcentaxe

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Indicadores de envellecemento

A estrutura poboacional galega está bastante envellecida. Diso dan mostra indicadores demográficos como a idade media da poboación ou o índice de envellecemento. No referido ao primeiro deles, os galegos e as galegas temos unha idade media de 46,5 anos. A idade media nos sete grandes núcleos poboacionais de Galicia tamén sobrepasa os 40 anos, máis, con todo, e agás no caso de Ferrol, este indicador sitúase por debaixo da media galega ou a igualan, como é o caso do concello de Ourense. A cidade co indicador máis baixo é Pontevedra, cunha idade media de 43,5 anos en 2016.

Idade media da poboación segundo o sexo. Ano 2016
Anos

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Idade media da poboación. Ano 2016
Anos

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

O índice de envellecemento mide a relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos. En Galicia no ano 2016 toma o valor 154,3, o que quere dicir que, por cada 100 menores de 20 anos hai aproximadamente 154 persoas de 65 ou máis anos. Os sete grandes concellos galegos presentan valores máis baixos neste indicador que a media galega, agás Ferrol, que, cun índice de 182,4, supera ao galego. O concello co índice de envellecemento máis baixo é Pontevedra, onde a relación é de 104,4. Nos sete grandes concellos o indicador está por riba do 100%, o que implica que hai máis poboación maior de 64 anos que menor de 20.

Poboación menor de 20 anos e maior de 64 anos. Ano 2016
Porcentaxe

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Índice de envellecemento. Ano 2016
Tanto por cento

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Poboación segundo o lugar de nacemento e poboación estranxeira

O 56% da poboación galega reside no mesmo concello no que naceu; o 30,9% noutro concello ou provincia distinto ao de nacemento, e o 13,2% naceu noutra comunidade autónoma ou no estranxeiro. Nos sete grandes concellos galegos, a poboación que reside no mesmo concello no que naceu oscila entre o 46,8% de Ourense e o 61,2% de Ferrol.

O 3,2% da poboación residente en Galicia é de nacionalidade estranxeira. Seis dos sete grandes concellos galegos posúen porcentaxes de poboación estranxeira superiores á media galega. Lugo acada o valor máis alto en 2016 (o 4,7% dos residentes no municipio de Lugo teñen nacionalidade estranxeira), seguido de Ourense e A Coruña (co 4,4% e 4,3%, respectivamente). En Ferrol a porcentaxe de estranxeiros sitúase no 2,1% da poboación total.

Poboación segundo a relación entre o lugar de nacemento e o de residencia. Ano 2016
Porcentaxes

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Poboación estranxeira. Ano 2016
Porcentaxe

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Información inframunicipal

Nas seguintes ligazóns están dispoñibles, para os sete grandes concellos de Galicia, os datos de poboación, da súa estrutura e dunha serie de indicadores demográficos básicos, por distritos e sección censuais. Ademais, pódese acceder a unha aplicación que permite representar os datos de cada un dos concellos en mapas de distritos e seccións.

Compartir: