Estudo de salarios / Salarios nas fontes tributarias

Estudo de salarios. Salarios nas fontes tributarias

Introdución

Neste apartado utilízase a estatística "Mercado de trabajo y Pensiones en las fuentes tributarias" realizada pola Axencia Tributaria para facer unha análise dos salarios dende a óptica do perceptor, utilizando como variables de clasificación a provincia e a Comunidade Autónoma, o sexo, a idade, a rama de actividade e os tramos de salario.

A estatística ten carácter censual e está baseada nas declaracións anuais do Modelo 190 que presentan todas as persoas físicas, xurídicas e demais entidades que, estando obrigadas a reter ou ingresar a conta polo imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, satisfagan ou abonen algunha renda no ano de referencia da estatística.

Esta estatística permite coñecer o perfil demográfico da poboación asalariada por sexo, a masa salarial por tramos de idade e polo tanto, o salario medio para cada tramo. Ademais, tamén proporciona a clasificación dos asalariados para 10 ramas de actividade co seu correspondente salario medio.

Á hora de interpretar os resultados debe terse en conta que nesta estatística ao longo do ano as persoas poden obter percepcións salariais de máis dunha empresa e dous ou máis tipos de percepcións1. Ademais o número de asalariados anuais calcúlase como a suma de persoas que ao longo do ano tiveron algunha percepción salarial; e o salario medio anual como a suma dos salarios anuais dividida polo número de asalariados. En consecuencia, o salario medio anual tende a ter un nesgo á baixa en comparación con outras estatísticas nas que o denominador é o número de asalariados calculado como media anual. Un incremento da temporalidade, por exemplo, fará que o salario medio calculado neste apartado diminúa máis que un salario por hora traballada, por exemplo.


1Os asalariados poden clasificarse segundo o grupo de poboación ao que pertencen. Estes grupos son os seguintes: poboación que só percibe salario, poboación que percibe salario e pensión, poboación que percibe salario e prestación por desemprego e poboación que percibe salario, pensión e prestación por desemprego. Para cada un destes grupos pode calcularse o salario medio anual.

Salario medio anual. España e Galicia

No período 2001-2017, o salario medio anual en Galicia e en España amosa un perfil similar cunha diferenza significativa en canto ao nivel: estas diferenzas, favorables ao salario medio no conxunto de España, oscilan entre 1.344 (ano 2007) e 691 (ano 2014) euros anuais.
Entre 2010 e 2014 o salario medio decrece, e nos tres últimos períodos rexístranse subidas en ambos territorios. En 2017, en Galicia medra 349 euros mentres en España o crecemento foi de 337 euros.

As diferenzas por sexo son destacables, aínda que en España estas son significativamente máis elevadas: en termos relativos, a diferenza entre o salario medio anual dos homes e o das mulleres en España alcanza o máximo nos dous primeiros anos da década (48%), mentres que en Galicia ese máximo sitúase en torno ao 38% neses mesmos anos. Estas diferenzas van diminuíndo ao longo do período ata situarse en torno ao 29% no ano 2017 en España, mentres en Galicia as diferenzas redúcense (27,5%). Se examinamos as diferenzas de salario medio por sexo en Galicia e en España, obsérvase que o diferencial é maior en España. É dicir, o salario medio das mulleres galegas, aínda que é máis baixo que o español, aproxímase máis ao da media de España que no caso dos homes.

Salario medio anual segundo o sexo. España e Galicia
Euros

Salario medio anual. Ambos sexos. España e Galicia
Euros

Salario medio anual segundo o sexo. España e Galicia
Euros

Percepcións salariais segundo o grupo de poboación ao que pertencen os asalariados. Galicia

A evolución do número de asalariados segundo o grupo de poboación ao que pertencen mostra a perda de peso do grupo no que os salarios constitúen a única fonte de ingresos, a favor dos que perciben ingresos por salarios e pensións e, sobre todo, por salarios e prestacións por desemprego que no ano 2001 supoñen o 12% da poboación asalariada e no ano 2017 o 15,2%.

En síntese, se no ano 2001 os asalariados que ao longo do ano só tiñan como fonte de ingreso os salarios supoñían o 82% do total, no ano 2017 esta porcentaxe baixa ata o 77,5%, debido fundamentalmente ao incremento do paro e ao envellecemento da poboación. Desde o ano 2012 esta porcentaxe recuperouse, e reduciuse o grupo que percibe salario e algún tipo de prestación.

Retribución anual media procedente de salarios e tipo de retención. Galicia
Euros, porcentaxe

Asalariados segundo o grupo de poboación ao que pertencen. Galicia
Porcentaxe

Asalariados, percepcións salariais e retencións segundo o grupo de poboación. Galicia
Persoas, euros, porcentaxe

Salario medio anual por ramas de actividade. España e Galicia

No ano 2017 o maior salario medio rexístrase no sector das Entidades financeiras e aseguradoras e o menor nos Outros servizos persoais e de ocio. Con respecto a 2016 todos os sectores tiveron crecemento, coa excepción do sector industrial e enerxético. Os maiores crecementos rexístranse no sector primario, nos Servizos sociais e na rama Entidades financeiras e aseguradoras. Nesta última rama, o salario medio no período 2013-2017 crece un 17% en Galicia, mentres que en España medrou un 26,5%.

Desde 2013 todos os sectores rexistran crecemento do salario medio anual, tanto en Galicia como en España. Destaca o crecemento nas Entidades financeiras e aseguradoras e na Agricultura, gandería, silvicultura e pesca. Pola contra, tanto a Industria como os Servizos ás empresas rexistraron os crecementos máis baixos.

En canto ás diferenzas de nivel no salario medio por sectores, Galicia supera a España no sector Construción e actividades inmobiliarias, nos Servizos sociais e no sector primario (no que o emprego asalariado ten pouca entidade en Galicia). No resto de sectores o salario medio anual é superior en España, e as maiores diferenzas prodúcense en Información e comunicacións e Entidades financeiras e aseguradoras que superan os 6.583€ e 8.108€ anuais, respectivamente.

Salario medio anual por sectores. España e Galicia
Euros

Salario medio anual por sectores. Galicia
Euros

Salario medio anual por sectores. Ano 2017. España e Galicia
Euros

Lenda dos gráficos; CNAE-2009:

  • 1: Agricultura, gandería, silvicultura e pesca (A)
  • 2: Industria extractiva, enerxía e auga (B, D, E)
  • 3: Industria (C)
  • 4: Construción e actividades inmobiliarias (F, L)
  • 5: Comercio, reparacións e transporte (G, H)
  • 6: Información e comunicacións (J)
  • 7: Entidades financeiras e aseguradoras (K)
  • 8: Servizos ás empresas (N, M)
  • 9: Servizos sociais (P, Q, O)
  • 10: Outros servizos persoais e de ocio (I, R, S)

Asalariados e percepcións salariais por grupos de idade. España e Galicia

Pirámide coa comparación do volume de asalariados e a masa salarial por sexo e grupos de idade. Ano 2017. Galicia
Porcentaxe

Pirámide coa comparación do volume de asalariados e a masa salarial por sexo e grupos de idade. Ano 2017. España
Porcentaxe

Coa representación en forma de pirámide de idades da masa salarial e dos efectivos de asalariados por sexo, preténdese amosar nunha imaxe fixa as diferenzas estruturais demográficas entre Galicia e o conxunto de España na composición da poboación asalariada por idades e sexo e o correspondente reparto da masa salarial entre os grupos de asalariados.


As observarcións máis salientables resúmense nos seguintes puntos:

  • A poboación asalariada galega está máis envellecida que a española. A proporción da poboación asalariada que ten máis de 55 anos supera á media española en máis dun punto porcentual. En contraste, os novos (menores de 36 anos) teñen maior peso en España que en Galicia: un 32% fronte a un 29%.

  • Na poboación nova asalariada (menor de 36 anos) existe unha gran diferenza entre o peso da súa masa salarial e o peso poboacional no conxunto dos asalariados: en Galicia 10 puntos e 12 en España. En Galicia implica que o 29% da poboación asalariada recibe o 19% da masa salarial.

  • No resto de grupos de idade a proporción de masa salarial supera á de poboación, sendo o grupo de 46 a 55 anos o que presenta unha situación máis favorable: o 25% dos asalariados absorben o 30% da masa salarial.

  • Por sexos, no grupo de 36 a 45 anos as mulleres (15% da poboación asalariada) perciben o 13% da masa salarial.

  • Pola contra, no grupo de 46 a 55 anos, os homes (13% da poboación asalariada) perciben o 18% da masa salarial.

Salario medio anual por sexo e grupos de idade. Galicia

Salario medio anual por sexo e grupos de idade. Galicia
Euros

Por idade, obsérvanse dous colectivos claramente diferenciados no seu comportamento: os dous grupos de idade máis novos (ata os 35 anos) experimentan perdas no salario medio anual do ano 2008 ao 2017, sendo particularmente importante no grupo de 18 a 25 anos, cun descenso dun 24%. No outro extremo está o grupo de idade máis alto cun incremento do salario medio do 3,1%. .

Salario medio anual por grupos de idade. Ambos sexos. Galicia
Euros

Por sexo, repítese este patrón, pero as caídas do salario medio son superiores nos homes e os incrementos nas mulleres. Outro feito salientable é que se se considera o período 2008 - 2017 o salario medio diminúe para os menores de 36 anos, e nos homes de entre 46 e 55 anos. No grupo de 56 a 65 anos e no grupo de 36 a 45 anos o salario medra para ambos sexos. No caso das mulleres, do ano 2008 ao 2017 percíbense incrementos do salario medio nos grupos de idade superiores a 35 anos. O nivel do salario medio dos menores de 26 anos medrou un 4,9% desde o ano 2001.

Salario medio anual por grupos de idade. Homes. Galicia
Euros

Salario medio anual por grupos de idade. Mulleres. Galicia
Euros

Datos provinciais

Salario medio anual por provincias

O perfil da evolución do salario medio anual é similar nas catro provincias: forte crecemento ata o ano 2008, moderación nos anos 2009 e 2010 e diminución ata o ano 2013, no que o salario medio se estabiliza con lixeiras variacións á alza ou á baixa. No 2017 o salario medio crece en todas as provincias, con subidas que rondan o 2,7% en Lugo e Pontevedra.

A Coruña é a única provincia na que o salario medio supera á media galega; séguelle a bastante distancia Pontevedra, sendo os niveis medios de Lugo e Ourense inferiores. Das catro provincias, Pontevedra é a que presenta unha evolución peor en termos relativos. Como amosan os gráficos, se no ano 2001 o salario medio aproximábase moito á media galega (unha diferenza de 189 euros anuais), no ano 2017 a diferenza amplíase ata os 565 euros e a distancia coa Coruña supera os 1.640 euros anuais.

Salario medio anual. Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Galicia e provincias
Euros

Evolución do índice do salario medio anual (Ano 2000=100). Galicia e provincias
Euros

Salario medio anual por grupos de idade e por provincias

Da evolución do salario medio anual por grupos de idade en Galicia, España e nas catro provincias destacamos os seguintes puntos:

  • O salario medio medrou en todas as provincias e grupos de idade, excepto no grupo de idade 46-55 anos na provincia da Coruña.
  • O salario medio en España supera ao de Galicia en todos os grupos de idade, agás no primeiro (de 18 a 25 anos), no que a partir do ano 2008 o salario medio galego é superior ao español.
  • Por provincias, A Coruña supera en salario medio ao longo de todo o período ás outras tres en todos os grupos de idade.
  • Con respecto ao ano 2016, a provincia de Pontevedra é a que evoluciona mellor en todos os grupos de idade.
  • En termos xerais, o patrón predominante na evolución temporal consiste en que ao redor dos anos 2009 ou 2010 comezan a apreciarse os efectos da crise nos salarios con perdas que afectan con máis intensidade á poboación máis nova. Neste grupo, as perdas no salario medio anual no período 2008-2016, sitúanse en torno ao 27%. Nos anos 2013, 2014 e 2015, agás nos dous primeiros grupos de idade, os salarios moderan a caída e incluso nalgúns grupos obsérvanse incrementos no salario medio anual, como ocorre no último grupo de idade, no que as catro provincias experimentan incrementos entreo o 2% e o 5%. No ano 2016 o crecemento por grupo de idade era xeralizado e en 2017 rexístranse subidas do salario medio en todos os grupos de idade.

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 18 a 25 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 26 a 35 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 36 a 45 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 46 a 55 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 56 a 65 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Tramos de salario. Índice de Gini por sexo e por provincias

A curva de Lorenz amosa graficamente a concentración do ingreso ou da riqueza dun espazo determinado (o máis usual é o conxunto de persoas ou fogares dun país ou rexión). Canto máis cerca esté a curva da recta que une os puntos (0,0) e (100,100), máis igualitaria será a distribución da renda, sendo o caso extremo cando a distribución coincida coa recta, na que todos os individuos percibirían a mesma renda.
Cos datos obxecto de análise, relaciónanse as porcentaxes acumuladas de poboación asalariada coas porcentaxes acumuladas de masa salarial nun ano.

A partir da curva de Lorenz calcúlase o índice de Gini, que proporciona unha medida cuantitativa do grao de concentración dos ingresos (ou da riqueza) dun determinado país, rexión ou grupo social. Este coeficiente varía entre 0 e 1, onde o 0 indica a igualdade máxima e o 1 cando un só individuo acapara todo o ingreso. Polo tanto, este coeficiente permítenos facer comparacións no grao de desigualdade entre os grupos obxecto de estudo e a súa evolución no tempo.

Curva de Lorenz. Ano 2017. España e Galicia

Coa información relativa aos 13 tramos de percepcións anuais por salario, determinados como múltiplos das percepcións mínimas interprofesionais anuais, calcúlase o índice de Gini para ter unha aproximación ao grao de desigualdade no tempo e no ámbito territorial (Galicia e provincias).

En primeiro lugar represéntase a curva de Lorenz de Galicia e de España. A imaxe das dúas curvas superpostas indica que a distribución salarial en España é lixeiramente máis desigual que en Galicia.

Se comenzamos polos salarios máis baixos, vese que en Galicia hai un 31% da poboación asalariada que percibe un 7% da masa salarial (en España o 34% dos asalariados percibe o 8% das rendas) e que o 65% absorbe o 35% dos salarios en Galicia, e en España o 64% dos asalariados o 30% da masa salarial.

Se nos situamos nas rendas salariais máis elevadas, en Galicia un 11% dos asalariados reciben o 32% da masa salarial, en cambio en España un 14% dos asalariados recibe o 29% dos salarios totais.

As rendas salariais están máis concentradas en España que en Galicia, é dicir, a distribución do ingreso é menos desigual na nosa Comunidade autónoma.

Como se deduce do gráfico no que se representa o índice de Gini referido ao ano 2017, a desigualdade nos ingresos por salarios, é maior nas mulleres que nos homes nas catro provincias, sendo Lugo a que rexistra a diferenza máis elevada. Ou dito doutro xeito, as diferenzas salariais son máis elevadas nas mulleres asalariadas que nos homes asalariados.

Por provincias o maior grao de desigualdade rexístrase nas provincias de A Coruña e Pontevedra e o menor en Lugo. En canto á evolución temporal, o grao de desigualdade diminúe ata o ano 2008 para crecer de novo ata 2016. O ano 2017 rexistra unha diminución do índice, a primeira rexistrada desde 2008.

Índice de Gini segundo o sexo. Ano 2017. Provincias

Evolución do índice de Gini en Galicia.

Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

Axencia Tributaria. Mercado de Trabajo y Pensiones en las fuentes tributarias

Compartir: