Información xeral

Definicións

Información xeral

Alta hospitalaria

Procedemento polo que un paciente ingresado nun centro ou establecemento sanitario deixa de ocupar unha capa de hospitalización por curación, melloría, falecemento, traslado ou alta voluntaria.


Atención especializada

É a asistencia que se realiza en hospitais e centros de especialidades dependentes funcionalmente daqueles, prestándose atención aos problemas de saúde de maior complexidade e desenvolvéndose as demais funcións propias dos hospitais


Atención primaria

É a atención asistencial prestada nas seguintes dependencias: centros de saúde, ambulatorios, consultorios municipais e consultorios parroquiais. Esta prestación asistencial non ten como única finalidade a resolución da demanda dos cidadáns fronte á enfermidade, cando esta se presentase, senón que tamén realiza actividades de prevención de enfermidades, promoción de saúde e educación sanitaria da poboación


Cama en funcionamento (establecementos sanitarios)

É aquela cama que está efectivamente en servizo. Non se inclúen as camas habilitadas


Cama instalada (establecementos sanitarios)

Aquela considerada como dotación fixa do centro, que estea en condicións de funcionar, aínda que non o faga por non contar co persoal e equipamento necesario


Causa de defunción

Enfermidade ou lesión que iniciou a cadea de acontecementos patolóxicos que conduciron directamente á morte. Cando a causa é unha lesión traumática, considérase causa básica as circunstancias do accidente ou violencia que produciu a lesión fatal. A causa de morte clasifícase segundo a Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE) 10ª revisión


Defunción

O concepto estatístico de defunción utilizado tradicionalmente en España comprendía a todos os falecidos con máis de 24 horas de vida. A partir de 1975 o concepto ampliouse coa incorporación dos nacidos con vida falecidos durante as primeiras 24 horas. Con este cambio adóptase o criterio recomendado polos organismos internacionais.


Diagnóstico principal

Afección que motivou o ingreso no hospital, segundo criterio do servizo clínico ou facultativo que atendeu ao enfermo, aínda que durante a súa estadía aparecesen complicacións importantes e incluso outras afeccións independentes


Enfermidades de declaración obrigatoria (EDOs)

Son as enfermidades consideradas suficientemente importantes desde o punto de vista de saúde pública e que é obrigatorio comunicar a súa ocorrencia ás autoridades sanitarias. A súa notificación é obrigatoria regulamentariamente. Están obrigados a declarar todos os médicos en activo, tanto do sistema público como privado. A declaración destas enfermidades ao Sistema Xeral de Notificación Obrigatoria de Enfermidades, en xeral, faise baixo sospeita clínica


Enfermos dados de alta

Representa o número de enfermos que causaron alta durante o ano. Unicamente se consideran como altas as daqueles pacientes que produciron, polo menos, unha estadía. Non se contabilizan como altas os traslados entre servizos


Esperanza de vida ao nacer

É o número medio de anos vividos por unha xeración de nacidos baixo unhas condicións de mortalidade dadas.


Esperanza de vida aos 65 anos

Promedio de anos que lle queda por vivir a unha persoa que chega con vida aos 65 anos, no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes.


Esperanza de vida aos 80 anos

Promedio de anos que lle queda por vivir a unha persoa que chega con vida aos 80 anos, no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes.


Establecemento sanitario con réxime de internado

É todo centro sanitario que, con independencia da súa denominación, e baixo unha mesma unidade de dirección, teña como finalidade principal a prestación de asistencia médica, cirúrxica ou médico-cirúrxica aos enfermos ingresados nel. Un establecemento sanitario con réxime de internado pode estar constituído por un único centro hospitalario ou por dous ou máis que se organizan e integran no chamado complexo hospitalario. Nestes casos é a unidade de dirección e xestión a que serve para a súa identificación. Desta forma, un complexo hospitalario pode estar constituído por dous ou máis centros hospitalarios, incluso distantes entre si e un ou varios centros de especialidades


Estadía nos establecementos sanitarios con réxime de internado

Conxunto de pernoitas e o tempo que correspondería ao subministro dunha comida principal (xantar e cea). Inclúense as estadías causadas durante o ano por todos os enfermos que permaneceron ingresados, incluíndo as causadas por pacientes ingresados antes do 1 de xaneiro do ano de referencia. A estadía media calcúlase como o cociente entre as estadías causadas e as altas


Grao de ocupación nos establecementos sanitarios con réxime de internado

Calcúlase como o cociente entre as estadías causadas multiplicadas por 100 e as camas en funcionamento multiplicadas por 365


Índice de rotación (establecementos sanitarios)

Calcúlase como o cociente entre as altas e as camas en funcionamento


Receitas médicas oficiais

Son as receitas médicas dispensadas en atención primaria; exclúense as dispensadas en hospitais


Compartir: