Demandas de emprego (paro rexistrado, altas, baixas) e colocacións

Definicións

Demandas de emprego (paro rexistrado, altas, baixas) e colocacións

Altas de demandantes de emprego

Defírense a todos os movementos de cambio de situación a alta anotados no rexistro de demandantes que solicitan emprego.
As altas de demanda poden ser novas inscricións que se inscriben por primeira vez nun rexistro público de emprego, reactivación dunha demanda xa inscrita que se encontraba en baixa ou por traslado dun servizo público de emprego a outro. Non se inclúen como altas as reactivacións das demandas suspendidas temporalmente ou o paso de demandantes sen dispoñibiliade a demandante de emprego.


Baixas de demandantes de emprego

Son os cambios de situación dunha demanda de emprego a baixa por ter o demandante unha colocación, non facer a renovación da demanda no período establecido ou por outras causas (baixa a petición do demandante, rexeitamento de ofertas, ...)


Colocacións

Son os postos de traballo cubertos por traballadores durante o período de referencia. Poden ser :

  • Colocacións xestionadas: son as realizadas durante o período de referencia mediante xestión da oficina de emprego, tanto no proceso de colocación coma nos procesos previos de preparación do traballador para a súa inserción laboral.
  • Colocacións comunicadas: son as realizadas durante o período de referencia sen xestión da oficina de emprego. Coñécense a través das comunicacións de contratación realizadas polos empregadores e por presentación dos contratos a rexistro se estes contratos non son consecuencia dunha colocación xestionada pola oficina de emprego.


Demandas de emprego rexistradas

Son as solicitudes de postos de traballo rexistradas nas oficinas públicas de emprego realizadas polos traballadores en idade laboral que desexan traballar por conta allea. Inclúen as de traballadores que non teñen emprego, tanto daqueles que non traballaron anteriormente e buscan emprego por primeira vez como as dos que tiveron un emprego anterior, e as de traballadores ocupados que buscan emprego para substituír ou complementar o que teñen. 


Medidas de fomento do emprego

Pretenden a contratación indefinida ou temporal, ou conversión de determinados contratos temporais en indefinidos, de diferentes colectivos de traballadores mediante a concesión de axudas económicas e incentivos fiscais e/ou bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social.


Paro rexistrado

Este concepto, establecido na Orden ministerial do 11 de marzo de 1985, está constituído polo total de demandas en alta existentes a fin de mes, excluíndo, entre outras, as que correspondan ás seguintes situacións:

  • Pluriemprego: demandantes que solicitan outro emprego compatible co que exercen.
  • Mellor emprego: demandantes que, estando ocupados, solicitan un emprego para cambialo polo que teñen.
  • Colaboración social: demandantes perceptores de prestacións por desemprego que participan en traballos de colaboración social.
  • Xubilados: demandantes que son pensionistas de xubilación, pensionistas por grande invalidez ou invalidez absoluta e demandantes de idade igual ou superior a 65 anos.
  • Emprego conxuntural: demandantes que solicitan un emprego para un período inferior a 3 meses.
  • Xornada < 20 horas: demandantes que solicitan un traballo con xornada inferior a 20 horas semanais.
  • Estudantes: demandantes que están cursando estudos de ensinanza oficial regrada sempre que sexan menores de 25 anos ou que, superando esta idade, sexan demandantes de primeiro emprego ou ben demandantes asistentes a cursos de formación profesional e ocupacional, cando as súas horas lectivas superen as 20 á semana, teñan unha bolsa polo menos de manutención e sexan demandantes do primeiro emprego.
  • Demandas suspendidas: demandantes con demanda suspendida en canto permanezan nesta situación.
  • Compatibilidade prestacións: demandantes beneficiarios de prestacións por desemprego en situación de compatibilidade de emprego por realizar un traballo a tempo parcial.
  • Traballadores eventuais agrícolas subsidiados.
  • Rexeitamento de accións de inserción laboral: demandantes que rexeitan accións de inserción laboral axeitadas ás súas características segundo se establece no artigo 17, apartado 2 do Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

A posta en marcha do novo Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego (SISPE) en maio de 2005 produce unha ruptura da serie de paro rexistrado que se viña publicando ata o momento. A implantación deste novo sistema afecta a estimación do paro rexistrado, non porque cambie a definición, senón pola actualización e xestión automatizada da información e porque se corrixiron os erros que se viñan cometendo con certos colectivos.


Postos de traballo ofrecidos

Son os postos de traballo ofrecidos por empresas e organismos públicos ou privados rexistrados nas oficinas de emprego durante o período de referencia, para que a oficina xestione a súa cobertura cos demandantes idóneos.


Prestacións por desemprego

Son prestacións que protexen a situación por desemprego, poden ser de varios tipos:

  • Nivel contributivo. Prestación por desemprego: refírese a aquela situación de desemprego das persoas que, querendo e podendo traballar, perdan o seu traballo de forma temporal ou definitiva ou vexan reducida, temporalmente polo menos, nunha terceira parte a súa xornada laboral, por expediente de regulación de emprego, coa correspondente perda ou redución análoga de salarios, por algunhas das causas establecidas como situacións legais de desemprego.
  • Nivel asistencial. Subsidio por desemprego: poderán ser beneficiarios do subsidio por desemprego os parados que, figurando inscritos como demandantes de emprego, sen teren rexeitado oferta de emprego adecuada nin terse negado a participar, salvo causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesionais, e carecendo de rendas de calquera natureza superiores, en cómputo mensual, ao 75% do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional das dúas pagas extraordinarias, se encontren nalgunha das situación contempladas para o dito subsidio.
  • Renda activa de inserción: o obxectivo do programa é incrementar as oportunidades de retorno ao mercado de traballo dos traballadores desempregados con especiais necesidades económicas e dificultades para atopar emprego.


Compartir: