Comercio exterior e intracomunitario

Definicións

Comercio exterior e intracomunitario

América Latina

Baixo esta denominación agrúpase o seguinte listado de países: Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, República Dominicana, Ecuador, Guatemala, Honduras, Haití, México, Nicaragua, Panamá, Perú, Paraguai, O Salvador, Uruguai e Venezuela.


Bens de capital

Bens utilizados como medios de produción no proceso produtivo de bens e servizos.


Bens de consumo

Son bens que se consideran propios do consumo das familias. Poden ser alimentarios ou non alimentarios.


Bens intermedios

Son bens destinados a formar parte do consumo intermedio no proceso de produción de bens e servizos. Distínguese entre bens intermedios enerxéticos e non enerxéticos.


CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)


CNAE-93 Rev.1 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de implantación da NACE Rev. 1.1. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida


Comercio exterior

Comprende as relacións comerciais da Comunidade Autónoma de Galicia con todos aqueles países que non pertencen á UE. As relacións comerciais de intercambio denominaranse "importacións" para as adquisicións e "exportacións" para as entregas. Para a recollida de información estatística, mantense a obriga de presentar a correspondente declaración DUA ante Aduanas.


Comercio intracomunitario

Comprende as operacións comerciais entre a Comunidade Autónoma de Galicia e os países membros da Unión Europea (excluíndo o resto de España). As adquisicións intracomunitarias chamaranse "introducións" e as entregas intracomunitarias "expedicións". A recollida de información estatística réxese polo Sistema Intrastat.


Expedicións (comercio intracomunitario)

Comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido aos países da UE, excluíndo o resto de España.


Exportacións (comercio exterior)

Comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido a países que non forman parte da UE.


Importacións (comercio exterior)

Comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercancía elaborada ou orixinal de países que non forman parte da UE é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.


Introducións (comercio intracomunitario)

Comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercancía elaborada ou orixinal dun país membro da UE (excluíndo o resto de España) é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.


MERCOSUR

A República Arxentina, a República Federativa do Brasil, a República do Paraguai e a República Oriental do Uruguai subscribiron o 26 de marzo de 1991 o Tratado de Asunción, creando o Mercado Común do Sur, MERCOSUR, que constitúe o proxecto internacional máis relevante no que se atopan comprometidos estes países. Así, o obxectivo primordial do Tratado de Asunción é a integración dos catro Estados partes, a través da libre circulación de bens, servizos e factores produtivos, o establecemento dun arancel externo común e a adopción dunha política comercial común, a coordinación de políticas macroeconómicas e sectoriais e a harmonización de lexislacións nas áreas pertinentes, para lograr o fortalecemento do proceso de integración. En 2006 tres dos Estados partes (Arxentina, Brasil e Uruguai) subscribiron o protocolo de adhesión de Venezuela ao MERCOSUR, a formalización veuse demorada ata 2012 pola oposición de Paraguai á entrada de Venezuela. En xuño de 2012 decretouse a suspensión de Paraguai e en agosto de 2012 ingresa Venezuela. En decembro de 2013 Paraguai reincorporouse ao bloque. A partir de 2014 Arxentina, Brasil, Venezuela, Uruguai e Paraguai. A partir de 2018 Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai.


OCDE

Son as siglas da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico, a cuxa convención inaugural asistiron vinte países o 14 de decembro de 1960. Dende aquela dez países máis convertéronse en membros da organización. Os países participantes da mesma son Australia, Austria, Bélxica, Canadá, República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Hungría, Irlanda, Islandia, Italia, Xapón, Corea do Sur, Luxemburgo, México, Holanda, Nova Zelanda, Noruega, Polonia, Portugal, Eslovaquia, Turquía, España, Suiza, Suecia, Reino Unido e Estados Unidos. No ano 2010 incorpórase Chile e no ano 2011 incorpóranse Eslovenia, Israel e Estonia. No ano 2017 incorpórase Letonia. No ano 2019 incorpórase ao grupo Lituania.


OPEP

A Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) é unha organización permanente e intergubernamental creada na Conferencia de Bagdag en setembro de 1960 por Irak, Irán, Kuwait, Arabia Saudita e Venezuela. Aos 5 países fundadores uníronselles posteriormente 8 países máis: Qatar (1961), Indonesia (1962), Libia (1962), Emiratos Árabes Unidos (1967), Alxeria (1969), Nixeria (1971), Ecuador (1973) e Gabón (1975), aínda que estes dous últimos deixaron a organización en 1992 e 1994 respectivamente. No ano 2007 incorpórase Angola, no ano 2008 incorpórase de novo Ecuador e no ano 2009 deixa a organización Indonesia. O obxectivo da OPEP é coordinar e unificar as políticas petrolíferas dos seus países membros para asegurar uns prezos estables e xustos para os produtores de petróleo, unha oferta de petróleo eficiente, económica e regular ás nacións consumidoras e un retorno xusto do capital investido nesta industria. En 2016 incorpórase Indonesia. No ano 2017 entra no grupo Gabón e novamente deixa de formar parte do grupo Indonesia. No ano 2018 entra no grupo Guinea Ecuatorial. No ano 2019 sae do grupo Qatar e incorpórase o Congo.


Países candidatos á UE

Antes de xaneiro de 2007, os países candidatos á incorporación á UE eran Bulgaria, Romanía e Turquía. A partir de xaneiro de 2007, Bulgaria e Romanía pasaron a formar parte da UE, e a nova lista de países candidatos á UE está integrada por Turquía, Croacia e a Antiga República Iugoslava de Macedonia; En 2011 incorpórase Islandia e Montenegro, e en 2012 incorpórase Serbia. A partir do ano 2013 los países candidatos á UE son Turquía, Antiga República Iugoslava de Macedonia, Islandia, Montenegro e Serbia. A partir do ano 2014 son Turquía, Antiga República Iugoslava de Macedonia, Islandia, Montenegro, Serbia e Albania. En xaneiro de 2016 Islandia deixa de formar parte dos países candidatos á UE.


TARIC (Arancel Aduaneiro Comunitario Integrado)

É a clasificación que se utiliza a nivel nacional para clasificar cada produto no contexto do comercio intracomunitario e con terceiros países. Esta clasificación coincide a 8 díxitos coa Nomenclatura Combinada que é a clasificación utilizada a nivel europeo.


UE15

Está composta polo seguinte listado de países: Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, España, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Reino Unido e Suecia.


UE25

Componse dos países da UE-15, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta, Polonia e República Checa.


UE27

Intégrana os países da UE25, Bulgaria e Romanía.


Unión Europea (UE)

A Unión Europea (UE) é unha organización internacional que xorde en 1951 como a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, pola que se creou un mercado común limitado á industria do carbón e do aceiro; a esta institución, precursora da actual UE, pertencían Francia, Alemaña Occidental, Italia, Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo. Este mercado común inténtase ampliar a outras materias económicas e ao sector da enerxía nuclear e así se constitúen a Comunidade Económica Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica en 1957. En 1973 únense a estes países Reino Unido, Dinamarca e Irlanda; en 1981 Grecia e en 1986 España e Portugal. En 1992, segundo o Tratado de Maastricht, conságrase a Unión Europea, conferíndolle novos poderes e responsabilidades ás institucións comunitarias e introducindo novas formas de cooperación entre os gobernos dos Estados Membros. En 1995 creouse a Europa dos 15 coa incorporación de Austria, Finlandia e Suecia e en maio de 2004 incorporáronse Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta, Polonia e a República Checa, conformando a Europa dos 25. A partir de xaneiro de 2007, coas novas incorporacións de Bulgaria e Romanía, a UE consta de 27 membros. En xullo de 2013 Croacia convértese no país número 28 da UE.


Zona Euro (UEM)

En 1992 a UE decidiu embarcarse nunha unión económica e monetaria (UEM) que suporía a introdución dunha moeda europea única xestionada por un Banco Central Europeo. A moeda única (o euro) fíxose realidade o 1 de xaneiro de 2002, cando os billetes e moedas substituíron ás moedas nacionais en 12 dos 15 países da Unión (Bélxica, Alemaña, Grecia, España, Francia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Austria, Portugal e Finlandia). En xaneiro de 2007 incorpórase Eslovenia á zona Euro; en xaneiro de 2008 incorpóranse Chipre e Malta; en xaneiro de 2009 incorpórase Eslovaquia, en xaneiro de 2011 Estonia, en xaneiro de 2014 Letonia e en xaneiro 2015 Lituania.


Compartir: