Definicións

Censo de poboación

É o conxunto de operacións que consisten en recompilar, resumir, valorar, analizar e publicar todos os datos de carácter demográfico, cultural, económico e social de todos os habitantes do país e das súas divisións político-administrativas, referidos a un momento ou período dado e a todas as persoas que residen en vivendas, xa sexan familiares ou colectivas.


Censo de vivendas

Conxunto de operacións que consisten en recompilar, resumir, valorar, analizar e publicar os datos relativos a todos os lugares destinados a habitación humana que foron concibidos como tales (vivendas familiares) e a enumerar aqueles que non sendo concibidos para este fin teñen, sen embargo, ese uso (aloxamentos).


Edificio

Construción permanente, fixa sobre o terreo, separada e independente, concibida para ser utilizada con fins residenciais e/ou para o desenvolvemento dunha actividade


Poboación activa

Son as persoas que, nun período de referencia dado, subministran man de obra para a produción de bens e servizos económicos ou que están dispoñibles e fan xestións para incorporarse a dita produción. Comprende a todas as persoas de 16 ou máis anos que cumpren as condicións necesarias para a súa inclusión entre as persoas ocupadas ou paradas.


Poboación ocupada

Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia tiveron un traballo por conta allea ou exerceron unha actividade por conta propia, nalgunha das seguintes situacións:

  • traballando polo menos unha hora por un soldo, salario ou beneficio empresarial ou ganancia familiar en metálico ou en especie
  • con emprego pero sen traballar por razóns de enfermidade ou accidente, vacacións, festas, mal tempo ou razóns análogas


Poboación parada

Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia estiveron sen traballo, dispoñibles para traballar e buscando emprego. Son parados tamén os que atoparon un traballo e están esperando incorporarse, sempre que se verifiquen as dúas primeiras condicións.
Segundo o Regulamento 1897/2000 da Comisión Europea, os únicos métodos de busca de emprego considerados activos son:

  • Estar en contacto cunha oficina pública de emprego co fin de atopar traballo, calquera que sexa a parte que tomase a iniciativa (a renovación da inscrición por razóns puramente administrativas non constitúe unha postura activa).
  • Estar en contacto cunha oficina privada (oficina de emprego temporal, empresa especializada en contratación...) coa fin de atopar traballo.
  • Enviar unha candidatura directamente aos empregadores.
  • Indagar a través de relacións persoais, por mediación de sindicatos, ...
  • Anunciarse ou responder a anuncios de periódicos.
  • Estudar as ofertas de emprego.
  • Participar nunha proba, concurso ou entrevista, no marco dun procedemento de contratación.
  • Buscar terreos, locais ou material.
  • Realizar xestións para obter permisos, licenzas ou recursos financeiros.


Residente

Considérase residente a toda persoa física que ten a súa residencia habitual na Comunidade Autónoma de Galicia.


Taxa de actividade

Porcentaxe do número total de activos sobre a poboación total (poboación de 16 ou máis anos).


Taxa de analfabetismo

Porcentaxe de poboación de 16 e máis anos que non sabe ler nin escribir sobre o total da poboación de 16 e máis anos.


Taxa de ocupación

Porcentaxe de ocupados sobre a poboación de 16 ou máis anos


Taxa de paro

Porcentaxe de parados sobre o total de activos.


Vivenda

É o recinto estruturalmente separado e independente que, pola forma en que foi construído, reconstruído, transformado ou adaptado, está concibido para ser habitado por persoas e está dotado de acceso desde a vía pública ou desde recintos comúns privados. Hai dous tipos de vivendas: vivendas colectivas e vivendas familiares.
No Censo de poboación e vivendas considéranse tamén vivendas aqueles recintos que aínda que non estivesen concibidos para ser habitados por persoas constitúen a residencia habitual de alguén no momento censual. Non se consideran vivendas os recintos que, a pesar de estar concibidos inicialmente para a habitación humana, no momento censual están dedicados totalmente a outros fins.


Compartir: