Enquisa de poboación activa (EPA)

Resumo de resultados 29/01/2019
Datos correspondentes ao cuarto trimestre de 2018

Introdución

A Enquisa de poboación activa (EPA) é unha investigación por mostraxe, continua e dirixida ás vivendas familiares que o Instituto Nacional de Estadística (INE) realiza desde 1964. En xullo de 2008 firmouse un convenio de colaboración entre o INE e o Instituto Galego de Estatística (IGE) para a duplicación da mostra no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. O obxectivo da ampliación da mostra é permitir a análise da poboación galega, en relación coa actividade económica, cunha maior desagregación do que se viña facendo ata o momento. Como resultado deste convenio, a partir do terceiro trimestre de 2009 incorpórase á operación a mostra adicional recollida polo IGE, utilizando idéntica metodoloxía e o mesmo sistema de traballo de campo que o INE.

A finalidade principal da EPA é coñecer a actividade económica no relativo ao seu compoñente humano. Está orientada a dar datos das principais categorías poboacionais en relación co mercado de traballo (ocupados, parados, activos e inactivos) e a obter clasificacións destas categorías segundo diversas características. Tamén posibilita confeccionar series temporais homoxéneas de resultados.

Activos

No cuarto trimestre de 2018 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.334.300 persoas, das cales 1.237.000 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,0%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas diminúe en 12.400 persoas, mentres que a taxa de actividade diminúe 0,5 puntos respecto ao terceiro trimestre de 2018.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2017, o número de persoas activas diminúe en 900 persoas e a taxa de actividade mantense sen variacións.

Poboación de 16 ou máis anos segundo a relación coa actividade económica. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Miles de persoas, porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Por sexo, a taxa de actividade masculina diminúe cinco décimas, ata situarse no 57,4%. A taxa de actividade feminina diminúe 0,6 puntos porcentuais, e sitúase no 48,9%.

Taxas de actividade segundo o sexo. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Poboación activa segundo o sexo. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Miles de persoas, porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Ocupados

A ocupación diminúe en 8.400 persoas no cuarto trimestre de 2018 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.088.100 persoas ocupadas. A taxa de ocupación diminúe 0,4 puntos neste trimestre, ata o 46,6%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 32.300 persoas, o que supón unha suba do 3,1% en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre reduciuse tanto a ocupación masculina como a feminina: o número de ocupados varóns diminuiu en 6.400 persoas respecto ao terceiro trimestre do ano 2018 e a ocupación das mulleres diminuiu en 2.000 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nunha baixada da taxa de ocupación masculina de 0,6 puntos e de 0,2 puntos a feminina.

Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2017, o número de homes ocupados aumenta en 16.700 persoas (un 3,0%), mentres que o de mulleres ocupadas aumenta nun 3,1%.

Taxas de ocupación segundo o sexo. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Poboación ocupada segundo o sexo. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Miles de persoas, porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE 2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre aumenta na industria e diminúe na agricultura e pesca, na construción e nos servizos. Na industria a ocupación aumenta en 2.700 persoas con respecto ao terceiro trimestre de 2018; pola contra, o sector primario rexistra unha diminución de 2.400 persoas na cifra de ocupación, a construción de 500 persoas e os servizos de 8.300 traballadores e traballadoras menos.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2017, a ocupación diminúe na agricultura e pesca un 7,4% e na industria un 2,1%; pola contra, na construción a ocupación aumenta un 2,0% e nos servizos un 5,4%.

Poboación ocupada segundo sectores de actividade. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Miles de persoas, porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Asalariados

En Galicia había 873.300 persoas asalariadas no cuarto trimestre de 2018, 646.500 con contrato indefinido e os 226.800 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 2.400 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido, o que supón un incremento de 0,4 puntos en termos relativos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe en 8.600 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 3,7% con respecto ao terceiro trimestre de 2018). No que respecta á variación interanual, as persoas con contrato indefinido incrementáronse un 5,3% e as persoas con contrato temporal aumentaron un 1,0%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 26,0%.

Poboación asalariada segundo tipo de contrato. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Miles de persoas, porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Parados

No cuarto trimestre de 2018 en Galicia había 148.900 persoas en paro, 4.100 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminúe 0,2 puntos e sitúase no 12,0%.

Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2017, o número de parados e paradas diminúe en 33.200 persoas (un -18,2%) e a taxa de paro 2,7 puntos.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, aumenta o paro masculino e diminúe o feminino: o número total de homes parados sitúase en 72.700 persoas (700 máis que hai tres meses) e o de mulleres é de 76.200 persoas (4.800 mulleres menos en paro). A taxa de paro masculina aumenta en 0,2 puntos porcentuais e a feminina redúcese en 0,6 puntos, situándose a primeira no 11,3% e a segunda no 12,8%.

No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino descende en 19.000 persoas (un 20,7% menos), e o volume de paradas en 14.300 persoas (un 15,8% menos que hai un ano).

Taxas de paro segundo o sexo. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Poboación parada segundo o sexo. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Miles de persoas, porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fogares

No cuarto trimestre de 2018, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 1.200 unidades e sitúase en 54.200 fogares. Respecto ao cuarto trimestre de 2017, esta tipoloxía de fogares redúcese un 18,0%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 2.500 unidades. O número de fogares nesta situación é de 604.500. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 21.000 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 3,6% en termos relativos.

Vivendas segundo a tipoloxía de actividade. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Miles de vivendas, porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Poboación xuvenil

Dos 317.900 mozos e mozas galegos de entre 16 e 29 anos, 122.300 (o 38,5%) están ocupados, 33.400 (o 10,5%) parados e os 162.100 (o 51%) restantes son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 38,5% no cuarto trimestre de 2018. Con respecto ao trimestre anterior diminúe 0,5 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2017 aumenta, pola contra, 1,8 puntos.

A taxa de paro xuvenil sitúase no 21,5% neste trimestre; diminúe 2,3 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co cuarto trimestre de 2017 diminuíu 4,8 puntos.

Taxas de actividade, ocupación e paro da poboación de 16 a 29 anos. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Poboación de 16 a 29 anos segundo a relación coa actividade económica. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Miles de persoas, porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

No cuarto trimestre de 2018, o 73,4% dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao terceiro trimestre de 2018, esta cifra redúcese un 6,1%, mentres que o de mozos e mozas ocupados a xornada parcial aumenta en 3.900 persoas. Con respecto ao cuarto trimestre de 2017 aumenta tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada parcial (en 2.800 persoas), como a ocupación a xornada completa (en 1.900 persoas).

Poboación ocupada de 16 a 29 anos segundo o tipo de xornada. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Miles de persoas, porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Dos 112.800 asalariados e asalariadas existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 42,5% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos e mozas con contrato indefinido aumentou un 6,7% respecto ao trimestre anterior e un 15,4% respecto ao mesmo trimestre de 2017. O número de mozos e mozas asalariados con contrato temporal diminuíu un 7,8% respecto ao trimestre pasado e un 1,5% respecto ao cuarto trimestre de 2017.

A taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 57,5%.

Poboación asalariada de 16 a 29 anos segundo a duración do contrato. Galicia. Cuarto trimestre de 2018
Miles de persoas, porcentaxe

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Grandes concellos

Se comparamos os datos dos sete grandes municipios galegos, observamos que Lugo e Santiago son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (56,1% e 57,9%, respectivamente) no cuarto trimestre de 2018. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (43,1%). No referido ás taxas de paro, este trimestre Santiago é o concello de entre os sete grandes con menor valor (5,6%) e Ferrol o que presenta a taxa de paro más elevada (18,1%).

Poboación segundo a relación coa actividade económica. Grandes municipios galegos. Cuarto trimestre de 2018
Miles de persoas

Nota: os resultados dos sete grandes concellos deben tomarse con precaución porque poden estar afectados por elevados erros de mostraxe.

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Taxas de actividade, ocupación e paro. Grandes municipios galegos. Cuarto trimestre de 2018
Porcentaxes

Nota: os resultados dos sete grandes concellos deben tomarse con precaución porque poden estar afectados por elevados erros de mostraxe.

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Compartir: